Concello
O Concello realiza a selección dos participantes no programa integrado de emprego
18/12/2021
O Concello ten en marcha o proceso de selección dos participantes que formará parte do programa integrado de emprego (PIE) que se desenvolverá ao longo dos próximos meses en colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
As persoas que desexen optar a unha das cen prazas convocadas deben atoparse en situación de desemprego e estar dadas de alta na súa oficina de emprego de referencia como demandantes de emprego e interesadas na realización de accións formativas destas características. Tamén se ofrece a posibilidade de solicitar a participación no procedemento de selección directamente no Concello a través do departamento municipal de Emprego acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811.
O novo programa integrado de emprego da Laracha contará con dous orientadores laborais e un auxiliar administrativo. Terá unha duración de doce meses e formarán parte do mesmo cen participantes, sendo o obxectivo de inserción laboral dun mínimo do trinta e seis por cento.
Este será o terceiro programa destas características que se vai realizar no Concello da Laracha. Nesta ocasión o tipo de formación ofertada centrarase en sectores tan diversos como o comercio, a loxística e a atención sociosanitaria a persoas dependentes, todas elas especialidades con demanda actual de traballadores cualificados. En concreto, os participantes, sempre co asesoramento dos orientadores laborais, poderán decidir realizar algunha desas sete accións formativas do catálogo de especialidades do Servizo Público Estatal :
- Iniciación á creación de páxinas web.
- Desenvolvemento web para comercio electrónico.
- Coordinación e apoio á dirección de recursos e servizos dirixidos ás persoas maiores.
- Atención sociosanitaria a persoas dependentes con alzhéimer ou outras demencias en institucións sociais.
- Organización de almacén.
- Xestión loxística.
- Mellora da xestión do stock e beneficios en comercio.
O programa integrado de emprego susténtase sobre as bases da información, orientación, asesoramento, formación (específica e transversal), práctica laboral, percepción empresarial, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade de emprendemento e intermediación laboral. Por tanto, non soamente procura ofrecer aos participantes os coñecementos e a experiencia precisos para acceder a un posto de traballo, senón que tamén promove o autoemprego.
En definitiva, preténdese aproveitar as oportunidades que se presentan no termo municipal da Laracha e o seu entorno –en especial grazas ao desenvolvemento industrial que se está a rexistrar no noso municipio- en sectores con crecente demanda de perfís profesionais. Orientaranse cara eses ámbitos as accións formativas, acompañarase nos itinerarios curriculares individualizados ás persoas participantes e ofreceráselle a oportunidade de realizar prácticas en empresas colaboradoras do termo municipal para aumentar as súas capacidades e, por tanto, as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.
O orzamento do programa integrado de emprego ascende a 250.000 euros e será organizado e financiado coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.