• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

Servizo de atención temperá

 

En que consiste?

A Atención Temperá consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e a súa contorna, que teñen por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos para facilitar a súa autonomía persoal e inclusión social.

Que ofrece este servizo?

Este servizo ofrece unha intervención biopsicosocial para favorecer a adquisición ou a recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais dos/as menores, así como a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar, e da inclusión social.

A clave é poder detectar esas dificultades o antes posible para obter os mellores resultados da atención profesional e que redunden nun máis óptimo proceso evolutivo do/da menor.

Cal é o procedemento para recibir Atención Temperá?

Na maioría dos casos son as familias as que presentan a sospeita dun trastorno do desenvolvemento, pero nalgúns casos estas situacións detéctanse nas escolas infantís, nos servizos sociais comunitarios ou mesmo por outra instancia que trata ao menor e a súa familia. No caso de que a sospeita se detecte fóra do ámbito familiar, debe informarse a familia e/ou as persoas responsables do neno ou nena para que acudan ao servizo de pediatría, que iniciará o procedemento que corresponda.

Será este profesional quen fará o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á Unidade de Atención Temperá máis axeitada para o caso.

Financiamento

Para o financiamento do servizo, o Concello conta coa colaboración económica da Consellería de Política Social ao abeiro da convocatoria de subvencións destinadas a entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá que están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco operativo FSE+Galicia 2021-2027 (DOG nº207 do 31 de outubro de 2022).

 

Atención temperá