Participación da Infancia e da Adolescencia
Introdución
A participación da infancia e da adolescencia é un dereito recollido na Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada pola Organización das Nacións Unidas no ano 1989, consistindo no tratado internacional que reúne ao maior número de Estados que o ratificasen (ascendendo a 196). Así, o artigo 12 determina que “os Estados Partes garantirán ao neno que estea en condicións de formarse un xuízo propio o dereito de expresar a súa opinión libremente en todos os asuntos que afecten ao neno, téndose debidamente en conta as súas opinión, en función da súa idade e madurez”.
Entendendo a participación infantil e adolescente como un proceso segundo o cal os nenos, nenas e adolescentes exercen este dereito interactuando con outras persoas da súa contorna e tratando temas que afectan ás súas condicións de vida individuais e colectivas, pode afirmarse que non se trata só dun dereito, senón tamén dunha responsabilidade.
Para facer efectivo este dereito, cómpre ter en conta que a confianza e a competencia para participar se adquiren gradualmente e a través da práctica. Tamén, cabe mencionar que é preciso concibir aos nenos, nenas e adolescentes como suxeitos activos, creativos e protagonistas do proceso, tendo en conta a súa opinión. E, neste senso, é especialmente a nivel local onde máis sentido cobra favorecer a participación infantil e adolescente. É por iso que dende o Concello da Laracha, froito do noso compromiso co garante deste dereito, impulsamos diferentes accións para o fomento e a promoción da participación infantil e adolescente, as cales presentamos neste espazo.
Plan Local de Infancia e Adolescencia
Para poder dar sentido ás múltiples accións que impulsamos para mellorar a calidade de vida e o benestar social dos nenos, nenas e adolescentes, denominados NNA*, cómpre contar cun documento que defina uns obxectivos e sirva de folla de ruta a curto e medio prazo. A ese respecto, o 28 de setembro de 2023 aprobamos en pleno o I Plan Local de Infancia e Adolescencia, o cal foi elaborado dunha forma participada (contando coa opinión dos propios NNA, dos centros educativos e das asociacións e empresas que desenvolven actividades dirixidas á infancia e á adolescencia do noso municipio) e atendendo ás principais necesidades e retos identificados no diagnóstico da situación da infancia elaborado previamente.
Nel, recóllense as liñas estratéxicas que deben orientar a actuación en materia de infancia e adolescencia durante os próximos anos, as cales responden aos cinco obxectivos de dereitos das Cidades Amigas da Infancia, que son: 1) o dereito a ser valorado/a, respectado/a e tratado/a xustamente, 2) a ser escoitado, 3) a servizos esenciais, 4) a vivir en contornas seguras e limpas, e 5) a ser neno/a. Así mesmo, expóñense as 26 medidas e actuacións que o compoñen, tratándose sempre dun documento flexible e que precisa actualizarse e adaptarse ás variacións experimentadas polo contexto.
A continuación, podes consultar tanto a diagnose como o Plan Local da Infancia e da Adolescencia
Plan Local de Infancia e Adolescencia
Espazo de Participación da Infancia e da Adolescencia
Para favorecer a participación da infancia e da adolescencia, creouse no ano 2023 un espazo de reflexión e debate colectivo formado unicamente por nenos, nenas e adolescentes no que poden trasladar as súas necesidades, inquedanzas e ideas de mellora para A Laracha. Tras un proceso de información levado a cabo nos centros educativos, foron seleccionados 31 NNA en representación de diferentes aulas de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º de Educación Secundaria Obrigatoria. A constitución deste Espazo de Participación da Infancia e da Adolescencia tivo lugar o 20 de xuño de 2023.
Dende este espazo de participación, desenvólvense diferentes accións, como son os encontros do propio órgano como outras actividades, de carácter aberto a todos NNA, para afondar nas súas necesidades e favorecer a recollida de propostas de mellora para garantir a súa calidade de vida e benestar social e, en última instancia, mellorar o noso municipio.
Actualidade
Neste apartado recollemos todas as novidades relacionadas coa participación da infancia e da adolescencia no noso municipio.