• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde e a directora xeral de Formación e Colocación presiden o acto de presentación do obradoiro de emprego A Laracha VII

29/10/2021

O Obradoiro de Emprego A Laracha VII foi presentado hoxe na Casa da Cultura nun acto copresidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado. Asistiu unha ampla representación do grupo de goberno local e todo o persoal que formará parte deste novo programa dual de formación e emprego: o equipo directivo, formativo e administrativo (composto pola directora, dous mestres, unha mestra/titora e unha auxiliar administrativo) e os vinte alumnos-traballadores.

O obradoiro terá unha duración de nove meses e constará de dúas especialidades: a de pintura industrial en construción –que centrará as intervencións en edificios públicos e equipamentos de titularidade municipal- e a de atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais.

O alcalde referiuse a este programa de formación e emprego como “unha oportunidade extraordinaria para obter o certificado de profesionalidade en sectores con demanda de traballadores”, animando aos participantes a aproveitala “porque hai saída laboral”.

López Varela lembrou que os alumnos traballadores (dez por cada especialidade) estarán vinculados ao Concello cun contrato de formación, ademais de acceder a unha remuneración económica durante os nove meses de duración do obradoiro e recibir o certificado de profesionalidade unha vez rematada con éxito a súa especialidade. Neste sentido, fixo referencia ao proceso selectivo realizado durante as últimas semanas, apuntando o dato de que se presentaran oitenta persoas para as vinte prazas dispoñibles.

O rexedor municipal aseverou que desde o Concello “imos poñer todos os medios necesarios para que o programa funcione ben co desexo de que os participantes poidades alcanzar a inserción laboral”. Concluíu agradecendo “o compromiso da Xunta de Galicia coa Laracha para traballar xuntos na procura dos mellores servizos e programas para a veciñanza”.

Tamén Zeltia Lado puxo en valor “a esencial colaboración entre as administracións públicas”, considerando que os obradoiros de emprego son “un modelo extraordinario de eficiencia e coordinación entre o Concello e a Xunta”.

Para a directora xeral de Formación e Colocación, este programa “cambiará para mellor a vida” dos participantes e “contribuirá a ampliar a cualificación profesional, eficaz e especializada, como ponte idónea para a inserción nun mercado de traballo cada vez máis competitivo” xa que ambas especialidades son “sectores con demanda de emprego presente e futura”.

Por último, apuntou que este é o ano con maior orzamento da Xunta de Galicia para este tipo de programas, con 34 millóns de euros entre os 94 obradoiros de emprego que se levarán a cabo en toda a comunidade e no que se formarán dúas mil persoas.

O Obradoiro de Emprego A Laracha VII, o sétimo programa dual de formación e emprego que organizará o Concello da Laracha, ten un orzamento de 345.000 euros e será cofinanciado co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.