• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha as obras de construción dunha pista polideportiva xunto ao IES Agra de Leborís

23/10/2021

O Concello continúa desenvolvendo os proxectos previstos no Plan especial de equipamentos educativos que se está a acometer na parte posterior do IES Agra de Leborís, creando neste espazo un novo punto de referencia para a práctica libre de actividades deportivas na capital municipal especialmente pensando para o público infantil e xuvenil dadas as características das infraestruturas que se están a ser construídas.

Nestes momentos están en marcha as obras de creación da pista polideportiva descuberta. Terá unhas dimensións de 42x25 metros máis dous metros de seguridade. Marcarase lonxitudinalmente unha pista de fútbol sala de medidas regulamentarias e, transversalmente, dúas pistas de baloncesto. Contará con iluminación en báculos, valado perimetral de malla e o correspondente equipamento deportivo.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, acudiron ao lugar das actuacións para interesarse polo estado de execución do proxecto, valorado en 98.000 euros.

Xunto a esta pista que se está a crear xa está operativa outra pista multideportiva. Ambos equipamentos municipais serán complementarios entre si ao presentar unhas características distintas e estar equipados para adaptar o seu uso aos diferentes grupos de idade.

Neste ámbito a carón do IES Agra de Leborís o Concello tamén ten prevista a creación dun parque de patinaxe, proxecto que se sacará a licitación en próximas datas.