• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello programa obradoiros infantís no museo de Golmar

02/09/2021

O Concello organizará dous obradoiros infantís no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar que terán lugar os sábados 11 e 18 de setembro, ambos en horario de 10:30 a 13:30 horas e dirixidos a nenos de entre 6 e 12 anos de idade.

O primeiro dos obradoiros, o do sábado 11, titúlase Facendo pan. Muíños e cereais. Constará de dúas fases. A divulgativa consistirá nunha visita comentada polo museo para coñecer a historia, xeografía, arquitectura, tradición e economía da época de maior importancia dos muíños de auga, así como o funcionamento dos seus diferentes mecanismos, incluíndo o visionado dun vídeo explicativo. Na fase participativa cada neno amasará e preparará o seu propio pan seguindo a receita que se explicará previamente. A continuación, cocerase no forno da Panadería Antonio, situada xunto ao museo. Finalmente explicaranse as diferentes partes do pan (codia, miolo, corrosco, codela, etc.).

O obradoiro do sábado 18 denomínase Pirámide ecolóxica. Muíños e natureza. Neste caso a metodoloxía será un xogo no que os nenos montarán a estrutura dunha pirámide colocando as diferentes pezas dun xeito que non rompan o equilibrio natural, amosándose como desde a base e ata a cúspide van aparecendo os distintos elementos que conforman a vida. Aproveitarase para repasar como son en galego os nomes dos diferentes animais e plantas.

As inscricións son gratuítas É preciso cubrir este FORMULARIO.

O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga de Golmar conta co distintivo de centro azul polo seu labor de educación ambiental que se pon de manifesto coa organización deste tipo de obradoiros. Ademais, o museo está aberto ao público os venres o os sábados en horario de 10:00 a 14:00 horas. Tamén poden concertarse visitas de grupos en calquera outra data.