Concello
Elévase a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación das fincas que albergan a carballeira de San Fins
08/07/2021
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local elevouse a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación das fincas que albergan a carballeira de San Fins, na parroquia de Montemaior. Fíxose unha vez superado o período de información pública ao que estivo sometido o documento por un período de un mes durante o que non se presentaron alegacións.
O proxecto delimita o ámbito territorial en canto a situación xeográfica, superficie e lindes, con descrición dos bens e dereitos afectados e a relación das persoas titulares dos terreos. En virtude do mesmo está previsto un investimento de 72.620,81 euros por parte do Concello con fondos propios para adquirir unha superficie de 21.716 metros cadrados repartidos en doce parcelas catastrais clasificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico de protección natural polo sistema de espazos libres. A taxación foi realizada mediante a capitalización da renda anual da explotación segundo o seu estado. A tramitación é polo procedemento de taxación conxunta.
Unha vez completado o procedemento de compra dos terreos, o Concello ten proxectadas unha serie de actuacións dirixidas a poñelos en valor econatural e evitar o deterioro da carballeira de San Fins, un ámbito de especial riqueza ao albergar árbores autóctonas –principalmente, carballos e castiñeiros-, nalgúns casos centenarias. Os múltiples obxectivos últimos céntranse na conservación do patrimonio natural municipal a través da creación dun espazo que presente oportunidades didácticas e de investigación sobre ditas especies autóctonas, ademais de habilitar unha nova área de ocio e esparexemento tanto para uso e disfrute da cidadanía larachesa como para aumentar o potencial turístico do municipio.