• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobado o expediente de expropiación dos terreos afectados pola segunda fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo

29/04/2021

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foi aprobado con carácter inicial o expediente de expropiación dos terreos afectados pola segunda fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo. O Concello investirá 81.067,22 euros na adquisición de 13.761 metros cadrados de superficie repartidos en vinte e unha parcelas e que están cualificados no Plan Xeral de Ordenación Municipal en tres clases diferentes: solo urbano, núcleo rural e solo urbanizable non delimitado. Os terreos actualmente non presentan un uso produtivo definido e están carentes de edificacións.

Continuando cos trámites administrativos, o acordo de hoxe da Xunta de Goberno Local será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estará un mes en exposición pública antes de elevarse a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación. Así mesmo, notificarase aos propietarios e abrirase o período de alegacións ao xustiprezo.

Dispoñer destes terreos permitirá ao Concello aumentar a superficie vinculada ao CEIP Otero Pedrayo para equipamentos deportivos ou educativos cara o norte, en continuidade cos existentes actualmente, e ampliar a rúa José Añón co propósito de mellorar o acceso cara o colexio desde a estrada AC-552. Así, resolveríase o tráfico na zona, aumentaríase a seguridade viaria ao dividir o tránsito rodado do peonil, incrementaríase o espazo para facilitar as manobras dos autobuses e habilitaríase unha zona de aparcamento para o transporte escolar.

Cabe lembrar que recentemente o Concello rematou a expropiación dos terreos da primeira fase de ampliación dos equipamentos educativos deste mesmo colexio. Investíranse preto de 44.000 euros na compra das parcelas afectadas polo proxecto –valorado noutros 245.000 euros- de ampliación da estrada entre Bos Aires a As Calzadas que dá acceso ao centro de ensino.

Fomento do emprego

A Xunta de Goberno tamén acordou solicitar a participación do Concello en dúas convocatorias de axudas para a contratación de persoal impulsadas pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Unha delas é o programa de fomento do emprego no rural (Aprol Rural) a través do que se pretende incorporar tres peóns para formar unha cuadrilla para servizos de mantemento e valorización de zonas verdes. A outra solicitude vai dirixida á contratación de socorristas para o servizo de salvamento na praia de Caión durante a próxima temporada de verán.

Servizos sociais comunitarios

Tamén se acordou presentar á Consellería de Política Social o proxecto anual de servizos sociais municipais –valorado en 491.000 euros- para solicitar a achega económica para o seu cofinanciamento. Inclúense tanto os gastos derivados dos salarios dos empregados municipais vinculados a ese departamento como os do programa de axuda no fogar dirixido a persoas en situación de dependencia.