• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde dá a benvida aos trece empregados contratados no marco do programa PEL-Concellos Reactiva

29/04/2021

O próximo luns comezarán a realizar o seu labor no Concello as trece persoas que foron contratadas no marco do programa de integración laboral PEL-Concellos Reactiva 2021 impulsado pola Deputación da Coruña.

En concreto son nove peóns, dous capataces e dúas traballadoras como persoal de servizos xerais os que se incorporarán á plantilla municipal durante os próximos sete meses. O proceso selectivo realizárase polo sistema de concurso-oposición, valorándose a experiencia profesional e a formación de cada candidato, ademais da realización dunha proba escrita.

Os capataces e peóns formarán cuadrillas de obras e servizos. Encargaranse de actuacións de moi diversas características, como o mantemento de infraestruturas públicas, colocación de sinalización, reparación de beirarrúas e sumidoiros, acondicionamento do terreo para a ubicación de colectores, conservación medioambiental, limpeza viaria, apoio loxístico aos servizos municipais e vixilancia do cumprimento das medidas de prevención ante a covid. O persoal de servizos xerais desenvolverá principalmente traballos de índole administrativa.

Hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez e Rocío López, déronlles a benvida nun acto desenvolvido na Casa da Cultura, no que tamén se trataron cuestións organizativas referidas fundamentalmente ás funcións a desenvolver e aos horarios.