• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O GOBERNO LOCAL ELEVARÁ AO PLENO A APROBACIÓN DO CONVENIO PARA A AMPLIACIÓN DA EDAR DE O FORMIGUEIRO

18/05/2016

No Concello da Laracha celebrarase este venres (20 de maio) a partir das 13:30 horas unha sesión extraordinaria do Pleno. O único asunto da orde do día (á marxe da aprobación da acta da sesión anterior) será a proposta de aprobación do convenio de colaboración entre o ente público Augas de Galicia e o Concello para a execución e financiamento da obra de ampliación e mellora do tratamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de O Formigueiro.   

O acordo, que require da preceptiva aprobación por parte do Pleno da Corporación municipal, establece os termos e condicións básicas entre os dous organismos para a execución da actuación. Trátase dunha obra valorada en preto de dous millóns de euros, investimento que permitirá adaptar as instalacións da EDAR ás necesidades que A Laracha presentará nun futuro a medio prazo ante o progresivo aumento de poboación que se está a rexistrar nos últimos anos.   

Como dato máis salientable, a capacidade da instalación será aumentada ata alcanzar os 250 metros cúbicos por hora. Contémplanse diferentes actuacións como a mellora do pretratamento (novas reixa de desbaste, desareador e desengrasador), duplicar a capacidade do tanque anaerobio, instalar un novo decantador (mellora da desinfección) e renovar o edificio de mando, facendo outro de maior superficie para incorporar os equipos necesarios que permitan automatizar o control da instalación. No exterior do recinto, modificarase a saída da auga depurada para alonxala da zona da estrada e construirase unha vía perimetral á EDAR que permitirá aumentar o ámbito de estacionamento e habilitar a entrada principal pola parte posterior da instalación co propósito de mellorar a seguridade viaria, xa que a depuradora se atopa xusto a carón da estrada A Laracha-A Silva, unha das vías que vertebra as comunicacións rodadas no termo municipal e que soporta unha alta densidade de tráfico.   

Antes de solicitar a realización deste proxecto a Augas de Galicia –que o financiará integramente-, o Concello desenvolveu un Plan especial do sistema xeral de abastecemento e saneamento e adquiriu os 8.709 metros cadrados de terreo necesario para levar a cabo as obras, investindo 34.000 euros procedentes de fondos propios municipais.

Compartir: