• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello e a Xunta de Galicia mellorarán a área recreativa de Gabenlle

07/09/2020

A área recreativa de Gabenlle é un dos puntos de referencia turística do Concello. Situada á beira do río Anllóns, moi preto da vila da Laracha, trátase dun acolledor entorno natural rodeado de bosque autóctono e que dispón de servizos para os visitantes como parques infantís, grellas, bancos, mesas, zonas cubertas, espazos libres e aseos. Todo iso xunto ao inicio do paseo fluvial, unha pasarela de madeira que bordea o río ao longo dunha distancia de dous quilómetros e medio ata O Formigueiro, percorrido no que se atopan antigos muíños de auga restaurados. Precisamente a especialidade de carpintería do Obradoiro de Emprego A Laracha V está a realizar nestes momentos unha completa actuación dirixida a renovar a pasarela de madeira do paseo fluvial do Anllóns.

O Concello da Laracha pretende dar un novo impulso á área recreativa de Gabenlle co proxecto de rehabilitación e mellora da accesibilidade que comezará a executarse en próximas datas froito do convenio asinado recentemente coa Axencia de Turismo de Galicia. A finalidade é aproveitar ao máximo o potencial turístico deste espazo natural e continuar realizando actuacións para a posta en valor do río Anllóns ao seu paseo polo termo municipal.

Dito proxecto inclúe unha serie de actuacións diferenciadas para facer da área recreativa de Gabenlle un lugar aínda más atraínte para os usuarios. Unha das intervencións terá por propósito a substitución das grellas por unhas novas dun material que garanta a súa durabilidade e seguridade. Ademais, ditos equipamentos serán cubertos cunhas infraestruturas similares ás que xa existen actualmente noutros puntos da área.

Ademais, serán mellorados os accesos con dous puntos de actuación previstos. Por unha banda intervirase na parte sur, adecuando o camiño de entrada desde a estrada. Por outro lado, crearase unha pasarela que comunicará os dous ámbitos da área recreativa que están separados polo río. En ambos casos beneficiarase a todos os usuarios, pero especialmente ás persoas con mobilidade reducida.

Do mesmo xeito, serán reformados, reorganizados e equipados os aseos públicos para que sexan máis accesibles e estean perfectamente adaptados ás necesidades de calquera persoa.

Este proxecto, que está valorado en máis de 43.000 euros e será cofinanciado entre o Concello da Laracha e a Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia.