• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello reforzará o servizo de limpeza nos colexios durante o próximo curso escolar

02/09/2020

O 10 de setembro empezará o curso escolar 2020-2021 en Galicia. De acordo ao protocolo da Xunta de Galicia sobre as medidas de seguridade para a prevención da Covid-19 ante o regreso da actividade nos colexios, o Concello da Laracha reforzará o servizo de limpeza nos CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión, para o que foi preciso revisar o contrato coa empresa concesionaria e incrementar a achega económica municipal.

Así, ademais da limpeza habitual que se fai con carácter xeral, todos os días realizaranse durante o horario lectivo un mínimo de tres limpezas e desinfeccións dos aseos, nos que haberá xel hidroalcohólico a disposición dos usuarios. Tamén se reforzará o servizo de limpeza nas superficies de uso frecuente (pasamáns, pomos de portas, mesas, mobles, etc.), nas zonas privadas do persoal do centro e nos postos de traballo compartidos (neste caso, en cada cambio de quenda).

Ao tratarse dun servizo que asume e financia integramente o Concello da Laracha, foi preciso revisar o contrato coa empresa concesionaria e incrementar a partida económica para ese fin nun vinte e cinco por cento. O gasto mensual pasará a ser de 13.192,51 euros.

Reunión cos directores dos centros

O alcalde, José Manuel López Varela, e a edil responsable da área de Ensino, Patricia Bello, manterán mañá unha reunión no Concello cos directores dos tres colexios coa finalidade de ultimar os preparativos de cara ao regreso da actividade escolar paralizada desde o pasado mes de marzo.