• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Programa municipal de axudas ao fomento do emprego para empresas e autónomos afectados pola crise da covid-19

29/06/2020

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases reguladoras do programa municipal de subvencións para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica para paliar os efectos da Covid-19. Trátase da liña de axudas convocada polo Concello e dirixida a empresarios e autónomos do termo municipal da Laracha que foran obrigados a suspender a apertura ao público ou que sufriran minoración da súa facturación debido ao decreto do estado de alarma do pasado 14 de marzo. Deste xeito o Concello contribuirá a facilitar o cumprimento das obrigas das empresas e autónomos, axudaralles no mantemento da súa actividade económica e, tal e como establece o fin último do plan, actuará para cooperar na protección e conservación do emprego.

Este plan municipal de axuda ao fomento do emprego subvencionará con ata un máximo de 2.100 euros a cada beneficiario, cunha contía fixa inicial de 600 euros que se incrementará en 300 euros máis por autónomo ou empregado ata o citado tope.

Para poder acollerse a esta liña de axudas é preciso cumprir os seguintes requisitos:

  1. Ser autónomo, microempresa ou pequena empresa que desenvolva a súa actividade no termo municipal da Laracha e que estivese obrigada a pechar ou vise reducida a súa facturación durante o estado de alarma, polo menos, nun 75% tomando como referencia o último semestre de 2019, sempre e cando manteñan a actividade e os postos de traballo. Soamente será subvencionada unha solicitude por negocio.
  2. Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Facenda estatal (AEAT), autonómica e local, e coa Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS).
  3. Estar de alta no imposto de actividades económicas e desenvolver a súa actividade subvencionable no Concello da Laracha.

A partida orzamentaria destinada a atender as solicitudes destas subvencións está dotada inicialmente con 220.143,94 euros dos orzamentos municipais.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 20 días hábiles a contar desde mañá.

Podes consultar as bases da convocatoria aquí.