• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello completará a distribución de mascarillas e guantes co reparto nas parroquias de Caión e Lestón

17/04/2020

Continúa a distribución porta a porta das 18.000 mascarillas cirúrxicas homologadas e da mesma cantidade de pares de guantes adquiridos polo Concello da Laracha. O material está a ser entregado en todas as vivendas habitadas do municipio por Protección Civil da Laracha e voluntarios colaboradores.

Despois de realizarse o reparto nas parroquias de Montemaior, Soandres, Soutullo, Golmar, Coiro, Lendo, Lemaio, Vilaño, Cabovilaño, Erboedo e na zona rural da parroquia de Torás, esta tarde mobilizáronse vinte e catro voluntarios para realizar a distribución no núcleo urbano da Laracha, que tamén está xa completada. Mañá a partir das 11:00 horas realizarase o reparto na parroquia de Caión e finalizarase o traballo en Lestón.

En cada vivenda está a ser entregado un paquete composto por tres mascarillas e tres pares de guantes. O Concello pon este material a disposición da veciñanza para cooperar na prevención dos contaxios daquelas persoas que deban acudir a lugares concorridos. No caso de que algunha familia residente nas parroquias nas que xa se realizou o reparto non recibise o material, deben poñerse en contacto co Concello a partir do luns chamando ao 981605001.

Desde o Concello mostramos o noso agradecemento tanto aos membros de Protección Civil como aos voluntarios colaboradores polo labor de interese xeral que están a desenvolver durante o estado de alarma.