• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os obradoiros de emprego realizan unha ampla intervención na Casa da Cultura da Laracha

14/02/2020

No Concello da Laracha estanse a desenvolver dous programas de emprego e formación nos que participan en total trinta e seis alumnos-traballadores e que son impulsados polo propio Concello e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Por unha parte está o Obradoiro de Emprego A Laracha V, que consta de dúas especialidades (carpintería de madeira e pintura industrial) con dez alumnos-traballadores en cada unha delas e, por outra banda, está o obradoiro A Laracha polo emprego xuvenil, cun total de dezaséis alumnos-traballadores (oito na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e outros oito, na de traballos de carpintería e moble).

As especialidades de ambos obradoiros que centran a fase práctica na realización de obras están a mellorar infraestruturas de titularidade municipal. Nestes días acometen unha intervención na Casa da Cultura da Laracha consistente no panelado do perímetro do salón de actos e da parte dianteira do escenario. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, acudiron para coñecer a evolución dos traballos cos que se modernizan e mellora a estética da infraestrutura de referencia para os eventos culturais na capital municipal. Previamente nesta mesma Casa da Cultura o alumnado do obradoiro realizara o pintado interior do recibidor, o canón das escaleiras e as aulas da primeira planta.

Outra infraestrutura municipal na que están a actuar as especialidades de pintura é o edificio administrativo e, posteriormente, intervirase en varias estancias da Casa do Concello, incluíndo o salón de Plenos.

Ademais, a especialidade de carpintería de madeira xa realizou melloras nos bancos dos pavillóns polideportivos municipais da Laracha e de Caión e, unha vez rematados os traballos na Casa da Cultura, realizarán e instalarán novos bancos de madeira no paseo marítimo de Caión.

O Concello da Laracha e a Xunta de Galicia continúan apostando polos obradoiros de emprego ao tratarse de programas que permiten aos alumnos-traballadores acceder a unha remuneración económica durante o seu desenvolvemento, aprender unha profesión e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal. Ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para o exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.