• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Pleno acorda solicitar á Deputación a ampliación e mellora das estradas DP-1913 e DP-0513

31/01/2020

Hoxe celebrouse o primeiro ordinario do ano 2020, o correspondente ao mes de xaneiro, que, tal e como é habitual principiou gardándose un minuto de silencio en memoria das sete mulleres asasinadas en España no que vai de ano vítimas da violencia de xénero.

Na sesión deuse conta á Corporación municipal das cincuenta e tres resolucións de Alcaldía ditaminadas do 10 de decembro ao 24 de xaneiro.

Como cuestións máis salientables, foron aprobadas por unanimidade dos tres grupos con representación no Pleno (PP, PSOE e BNG) tres mocións do grupo de goberno (Partido Popular). Nunha delas acordouse instar á Deputación da Coruña a mellorar as condicións de dúas vías de titularidade provincial que son vertebradoras das comunicacións no termo municipal. Na DP-0513 solicítase a ampliación entre o lugar de A Barreira (parroquia de Torás) ata o enlace coa DP-0514 (Arteixo-Caión) para facilitar o tránsito rodado entre Paiosaco e a capital municipal coa vila costeira. Na DP-1913 reclámase a intervención en dous tramos. Un deles é o que comunica A Laracha coa estrada DP-1909 (Bértoa-Caión) e, o outro, o que vai da capital municipal ata a canteira de Soandres, a carón do enlace coa AC-400. Este último sector é de especial relevancia ao tratarse dunha das estradas de todo o termo municipal que soporta un maior volume de tráfico xa que comunica A Laracha coa Cerceda, Culleredo, o aeroporto de Alvedro e a cidade da Coruña pola terceira rolda. Por iso tamén se solicita a ampliación das pontes sobre o río Anllóns en Os Muíños e A Veiga e a construción das sendas peonís necesarias a ambas marxes da calzada entre a capital municipal e Gabenlle para consolidar como unha travesía a estrada nese núcleo de poboación.

Outra moción aprobada tivo por obxecto declarar o apoio do Concello da Laracha á reivindicación da Xunta de Galicia ante o Goberno de España para que ingrese as contías do imposto sobre o valor engadido (IVE) non liquidadas correspondentes ao exercicio 2017 –estimadas en 200 millóns de euros- como consecuencia da implantación do sistema de información inmediata.

Por último, acordouse instar ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico a retirar o borrador do proxecto de reforma do Regulamento de Costas por consideralo lesivo para os intereses do sector mar-industria alimentario de Galicia en xeral e do Concello da Laracha en particular ao ser prexudicial para o desenvolvemento socioeconómico e poder implicar a perda de postos de traballo.