• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Pleno aproba o orzamento do Concello para o exercicio económico 2020

27/12/2019

O Concello da Laracha terá un orzamento de 8.235.000 euros para o exercicio económico do ano que vén. Así foi aprobado hoxe polo Pleno cos votos a favor do grupo do goberno (Partido Popular), as abstencións dos catro edís do grupo socialista e o posicionamento en contra dos dous edís do BNG.

O alcalde, José Manuel López Varela, agradeceu o labor do departamento de intervención e cualificou os presupostos como “realistas e feitos con precaución”, avanzando que “as modificacións que haxa que realizar, faranse do mesmo xeito que nos últimos anos” co desexo de que os orzamentos “aumenten moito” durante o 2020.

Neste sentido referiuse ao outro punto da orde do día, xa que a Conta Xeral do exercicio económico 2018 –aprobada coas abstencións dos dous grupos da oposición- pechouse en 12.088.352 euros, cun incremento do 50,71% con respecto aos orzamentos iniciais “que eran moi similares aos que aprobamos para o 2020”. O balance arroxa un remanente líquido de tesourería de 2.708.189,80. O rexedor considera ambos datos “moi positivos e dos que debemos sentirnos moi orgullosos porque reflicten a realidade económica do Concello”. Destacou, ademais, o alto porcentaxe de execución (72,20%) e o estrito cumprimento dos prazos de pagamento a provedores.

Regresando aos orzamentos para o 2020, López Varela explicou que a baixada en aproximadamente dous millóns de euros con respecto aos anteriores está motivada “porque o ano pasado tiñamos comunicación de subvencións doutras administracións” para desenvolver actuacións como a renovación da iluminación pública (IDAE) e a construción do viveiro de empresas, a posta en marcha do obradoiro de emprego (ambos da Consellería de Economía, Emprego e Industria), ademais de que a transferencia da Deputación da Coruña con cargo ao Plan Único dos Concellos era 300.000 euros maior que a inicialmente prevista para 2020. Do mesmo xeito, o rexedor avanzou a previsión de incrementar os orzamentos coas achegas doutras administracións durante o próximo ano.

O alcalde tamén aclarou que na previsión de ingresos no resto de capítulos non hai cambios significativos porque “non queremos subir impostos aos veciños e manteremos os tipos impositivos no mínimo que permite a lei”.

En canto ao capítulo de gastos, máis de un de cada catro euros (2.088.000 euros) teñen por destino a protección social e a promoción do emprego, polo que un ano máis as persoas estarán no centro da política municipal. 

O capítulo de investimentos reais volve superar o millón de euros (en concreto, 1.006.241 euros), destacando a decidida aposta do goberno local por poñer en valor o patrimonio municipal. Así, están contempladas partidas para a adquisición dos terreos que albergan o menhir de Erboedo –elemento protexido polo Plan Especial de Patrimonio Cultural- e tamén a carballeira de San Fins. As outras actuacións de investimento previstas nos orzamentos centraranse na construción dunha pista polideportiva descuberta no núcleo urbano da Laracha, a mellora da rede viaria e a ampliación das redes de saneamento e a reactivación do Plan Especial de equipamentos educativos para mellorar o entorno do CEIP Otero Pedrayo.

Tamén se renova o compromiso cos estudantes e o tecido asociativo, mantendo intactas as consignacións das bolsas de estudos municipais e tamén as referidas ao apoio económico ás entidades culturais e educativas, aos clubs deportivos e aos deportistas individuais máis destacados. As aplicacións de gastos para cultura, deportes e ensino tamén permitirán manter a cantidade e calidade dos programas municipais organizados directamente polo Concello. 

Ademais contémplase a colaboración económica coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, a Confraría de Pescadores de Caión (polo museo do Arquivo da Pesca), a Asociación de Comercio (ACSIL) e con todas as comisión de festas das trece parroquias que organicen actividades para celebrar o seu patrón ou outros eventos tradicionais.

López Varela  considera que estes orzamentos permitirán manter as políticas municipais porque “o que pretendemos é continuar facendo as cosas ben, igual que nos últimos anos”. O alcalde concluíu afirmando que estes presupostos están “pensados para poder dar solucións a todos os veciños, tanto aos que residen no núcleo rural máis apartado do centro do municipio como aos que viven xunto á Praza do Concello”.