• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello mellora as bancadas do pavillón do CEIP Otero Pedrayo da Laracha

06/12/2019

O Concello da Laracha está a realizar unha actuación de mellora das bancadas do pavillón polideportivo do CEIP Otero Pedrayo consistente na colocación de taboleiros de madeira nos espazos destinados aos asentos do público.

Grazas a estes traballos aumentarase o confort das persoas que acudan á instalación a presenciar os eventos e actividades que alí se desenvolvan. O material dos taboleiros é resistente á auga e dunhas características que facilitan a súa limpeza e incrementan a durabilidade.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López, reuníronse no propio pavillón co director das obras para comprobar o resultado das actuacións.

O traballo estase a desenvolver sen interromper a actividade habitual do pavillón, que durante as actuacións continúa estando a disposición dos alumnos e profesores do colexio.

Esta infraestrutura municipal é empregada de xeito exclusivo polo centro de ensino durante o horario lectivo. Fora del acolle actividades organizadas polo Concello e tamén iniciativas levadas a cargo polo tecido asociativo municipal, nalgúns casos multitudinarias como a recentemente desenvolvida Festa do Polbo da Asociación Cultural Adro de Vilaño.