• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello completará nos próximos días a selección do alumnado e persoal do obradoiro “A Laracha polo emprego xuvenil”

18/09/2019

O Concello da Laracha acollerá desde finais deste mes de setembro o obradoiro A Laracha polo emprego xuvenil, un programa mixto de emprego e formación dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade que figuren no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Cóntase co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.

Este obradoiro de emprego xuvenil constará de dúas especialidades (atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e traballos de carpintería e moble) con oito alumnos-traballadores en cada una delas. Un director, un mestre para cada especialidade, un mestre de ensino básico e un auxiliar administrativo tamén formarán parte do programa.

O Concello da Laracha está a completar o procedemento de selección tanto dos dezaseis alumnos-traballadores como das cinco persoas do equipo que estará á fronte do obradoiro. En todos os casos os candidatos foron citados polo servizo público de emprego despois de que o Concello tramitase a correspondente oferta.

Nos próximos días daranse a coñecer as persoas seleccionadas e a finais de mes comezará a desenvolverse o programa, que terá unha duración de seis meses.

O Concello da Laracha promove esta iniciativa co propósito de combater o desemprego ofrecendo aos participantes a posibilidade de formarse en sectores profesionais con demanda de traballadores e, deste xeito, mellorar a súa empregabilidade e aumentar as súas opcións de integración no mercado laboral.