• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha as obras de construción das beirarrúas nas 2ª e 3ª travesías Eusebio Bértoa Queijo

04/09/2019

Comezaron as obras de construción das beirarrúas nas 2ª e 3ª travesías Eusebio Bértoa Queijo, no casco urbano da Laracha. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, acudiron ao lugar das actuacións para interesarse polo inicio dos traballos previstos que se levarán a cabo durante as próximas semanas por parte da empresa SYR-AMG.

O proxecto está valorado en 160.000 euros e dará continuidade ás actuacións desenvolvidas en diferentes rúas do casco urbano da Laracha dirixidas a humanizalas e reforzar a seguridade viaria creando espazos peonís amplos, cómodos e seguros ao estar separado do ámbito de rodadura dos vehículos. Neste caso facilitarase o tránsito a pé entre as rúas Eusebio Bértoa e José Añón, que é unha das vías de acceso cara o CEIP Ramón Otero Pedrayo.

As novas beirarrúas construiranse nunha das marxes da 2ª e da 3ª travesías Eusebio Bértoa Queijo. Cada unha delas ten unha lonxitude de 300 metros, polo que serán creados 600 metros de ámbito peonil cun mínimo de dous metros de anchura. O proxecto contempla melloras na rede de recollida de pluviais, as acometidas dos servizos de saneamento e abastecemento, as canalizacións soterradas da iluminación pública e as telecomunicacións e a reserva de espazos en superficie para a instalación de elementos de sinalización e alumeado.

Esta actuación é un exemplo máis do firme compromiso do goberno local pola humanización dos núcleos urbanos, xa que mellorar as infraestruturas municipais para o tránsito dos peóns mellora a seguridade, aumenta a calidade de vida dos veciños e tamén favorece o comercio local.