• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A terceira edición do festival “A Laracha rock” celebrarase o sábado 24 de agosto

03/08/2019

O sábado 24 de agosto celebrarase a terceira edición do festival A Laracha Rock, un evento de referencia nos últimos anos co que o Concello da Laracha ofrece a oportunidade ás bandas locais de mostrar o seu traballo á veciñanza, ademais de incorporar no cartel a grupos chegados doutras localidades españolas.

Nesta ocasión a representación local será a cargo da banda larachesa de indie rock Ambigüo, coa voz de Pablo Cuadrado, Fredy Besteiro e Dave Hernández á guitarra, o baixista Suso Lennon e Sebastián Fariña á batería. No pasado mes de marzo presentaran Amanita, o seu primeiro disco.

Desde o veciño municipio de Cerceda chegarán Zënzar, a histórica formación de punk rock que leva en activo desde finais dos anos ’80.

O quinteto vigués de rock alternativo Stoyka será un dos principais reclamos do festival A Laracha Rock co seu último traballo, Sheer | Soft | Sharp, definido como unha fusión psicodélico-progresiva na que o indie, o jazz y o stoner conflúen como tres afluentes no seu actual son.

Pecha o cartel o grupo madrileño Screams on Sunday, cun estilo musical que funde o rock alternativo con pop-rock.

A Laracha Rock celebrarase na explanada fronte ao IES Agra de Leborís a partir das 22:30 horas do sábado 24 de agosto.