• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello presenta á Xunta de Galicia o proxecto para a organización dun novo programa integrado de emprego

04/07/2019

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse presentar á Xunta de Galicia un novo proxecto de programa integrado de emprego ao abeiro da convocatoria de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o desenvolvemento deste tipo de iniciativas (DOG do 20.06.2019).

Baixo o título A Laracha activando o emprego, o Concello pretende poñer en marcha este programa que tería un orzamento de 250.000 euros e unha duración total de doce meses. Durante ese período, cen persoas en situación de desemprego serían informadas, orientadas e asesoradas en materia de busca de emprego con entrevistas individualizadas e, a continuación, recibirían formación transversal en diversas materias (tecnoloxía, idiomas, coaching, mobilidade xeográfica, etc.) e específica en tres especialidades diferenciadas, que serían a atención sociosanitaria a persoas en institucións, actividades auxiliares de almacén e administración e servizos. Por último, realizaríanse prácticas profesionais non laborais en empresas.

A Laracha activando o emprego é un programa co que se pretende aproveitar as oportunidades laborais que ofrece o termo municipal da Laracha e o seu entorno en sectores con crecente demanda de perfil profesionais. As accións formativas serán orientadas cara eses ámbitos, acompañando aos participantes nos seus itinerarios individualizados para aumentar as súas capacidades. O obxectivo final é acadar unha inserción laboral do trinta e cinco por cento.