Concello
Consensuadas as iniciativas que se levarán a cabo nos centro escolares en promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero
14/05/2019
As dúas mesas sectorial que compoñen a Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero celebraron nos últimos días as reunións que se levan a cabo periodicamente para analizar, mellorar e reforzar a coordinación entre os todos os sectores profesionais implicados.
Na mesa sectorial educativa e sanitaria contouse coa presenza da concelleira de Muller, Rocío López, a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, a xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno na Coruña, María Isabel Álvarez, do comandante do posto da Garda Civil da Laracha, Víctor Manuel Palmero, e de representantes dos tres colexios (Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión), do Instituto Agra de Leborís, do centro médico da Laracha e do posto da Garda Civil deste municipio.
Na xuntanza realizouse unha valoración altamente satisfactoria de todas as actividades e obradoiros que se realizan nos centros de ensino en prevención da violencia de xénero e das malas conductas. Ademais, fíxose unha presentación inicial da proposta de actividades a desenvolver no próximo curso escolar 2019-2020 sobre promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, acordándose permitir a participación dos pais e nais dos alumnos dos tres colexios.
Na xuntanza os integrantes da Mesa tamén revisaron os mecanismos de coordinación co propósito de reforzalos e melloralos.
Por outra banda, na reunión da Mesa sectorial de coordinación policial –que estivo presidida polo alcalde, José Manuel López Varela- contouse coa presenza dos mesmos representantes municipais, do CIM e da Subdelegación do goberno, ademais do xefe da Policía Local e dun axente da Garda Civil da Laracha.
A cuestión máis importante foi a aprobación do protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para garantir o cumprimento das medidas xudiciais de protección das vítimas de violencia de xénero. Dito protocolo elevarase á Xunta Local de Seguridade co propósito de integrar ao corpo da Policía Local no sistema de seguimento dos casos de violencia de xénero.
Tal e como é habitual nestas reunións de traballo, repasáronse mecanismos de coordinación a desenvolver por parte dos diferentes profesionais do Concello e das forzas e corpos de seguridade ante casos de violencia de xénero. Tamén se revisaron as ordes de protección –vixentes e non vixentes- e foron abordadas as altas e baixas do programa ATEMPRO, o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero.