• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello renova o peche exterior do CEIP de Caión

04/04/2019

O Concello da Laracha está completando os traballos de renovación do muro exterior do recinto do CEIP de Caión. As obras desenvólvense despois da reunión mantida recentemente nas propias instalacións do centro entre o alcalde, José Manuel López Varela, o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, o delegado territorial de Educación, Indalecio Cabana, e o director do colexio.

Deste xeito estase a dar continuidade aos traballos acometidos no curso pasado pola Consellería de Educación noutro tramo do muro, onde foi eliminado o peche antigo e substituído por un novo con postes de formigón nunha actuación idéntica á que se está a desenvolver agora. Neste caso as obras afectan ao sector de 62 metros do peche perimetral que protexe tanto a pista polideportiva como o parque infantil.

Ademais, contémplase a substitución dos tres portalóns exteriores e tamén da malla metálica na parte norte da pista polideportiva, onde serán instalados novos apoios e unha rede nova.

Nestas actuacións o Concello da Laracha investirá 15.000 euros con fondos propios municipais.