• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Douscentos nenos e nenas laracheses dixeron non á violencia de xénero na 4ª Festa da Igualdade da Laracha

23/11/2018

Un ano máis, a Festa da Igualdade que organizou o Concello da Laracha coa colaboración dos centros de ensino no marco do programa de actividades en torno ao Día internacional contra a violencia de xénero foi un rotundo éxito.

Nesta ocasión apostouse por realizar unha carreira popular baixo o título Que non te pille o machismo, na que participou todo o alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión. Douscentos nenos e nenas, agrupados en parellas mixtas, fixeron un percorrido entre colexio da Laracha e a biblioteca municipal, o punto de control no que recolleron o material para resolver unha proba de lóxica e dedución durante o seu camiño de regreso. As tres primeiras parellas en chegar á meta coa proba resolta foron, despois, protagonistas dun concurso con actividades lúdicas centradas na prevención da violencia e promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ao que o resto dos alumnos acudiron como público.

Todos os rapaces e rapazas que formaron parte hoxe deste evento participaran previamente nos obradoiros de prevención que sobre esta materia se levan a cabo nos centros de ensino. Precisamente unha das iniciativas deses obradoiros foi o deseño dunha coreografía que os douscentos nenos e nenas tamén presentaron hoxe no pavillón do colexio.

A xornada de convivencia rematou coa entrega dos premios da segunda edición do concurso fotográfico A Laracha enfoca a igualdade, no que se convidou a participar ao alumnado de 5º e 6º de primaria. O xurado, composto pola directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha e os directores dos tres centros educativos acordaron outorgar estes premios:

  • 1º premio (unha tablet): Xenxo Ramos (6º do CEIP Otero Pedrayo) por As diferencias están nas nosas cabezas
  • 2º premio (unha cámara GoPro): Berta Iglesias (5º do CEIP Alfredo Brañas) por Tan natural coma a igualdade.
  • 3º premio (un lote de libros): Alessia Méndez (6º do CEIP Otero Pedrayo) por Pulso para a igualdade.

A cuarta edición da Festa da Igualdade da Laracha destacou pola diversidade de actividades realizadas, o seu dinamismo, a excelente interactuación por parte do alumnado e o bo ambiente dunha xornada de convivencia na que se acadou o obxectivo de sensibilizar e formar aos nenos e nenas na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e no total rexeitamento á violencia de xénero.

Campaña do deporte da Laracha

Os clubs e escolas deportivas municipal tamén están a ser partícipes do programa en conmemoración do 25 de novembro que organiza o Concello da Laracha. Nas redes sociais municipais pode visualizarse o vídeo no que a familia do deporte do Concello da Laracha lle di non á violencia de xénero. 

O domingo culminarase esta iniciativa no derbi entre o Laracha C.F. e a U.D. Paiosaco que se disputará por primeira vez en categoría nacional como é a terceira división. Minutos antes das 17:00 horas os dous equipos saltarán xuntos ao Campo Municipal da Laracha portando unha pancarta conmemorativa do Día internacional contra a violencia de xénero. Antes do comezo do encontro, representantes municipais lerán un manifesto sobre esa temática. Ademais do alcalde, José Manuel López Varela, agárdase a presenza de Susana López Abella, a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.