• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Adxudicado o novo contrato de mantemento das zonas verdes municipais

11/10/2018

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou adxudicar o novo contrato do servizo de mantemento das zonas verdes municipais á empresa Jardinería Arce S.L. Faise despois de que o pasado 20 de setembro a Mesa de Contratación clasificase –en base aos criterios das pregos que rexeron o procedemento- as cinco ofertas presentadas.

Este contrato inclúe en total 48 ámbitos que alcanzan unha superficie conxunta superior aos 90.000 metros cadrados. Trátase das principais áreas recreativas e de descanso das parroquias, así como das prazas e parques públicos dos núcleos urbanos, os paseos fluviais e o marítimo de Caión e as contornas dos edificios e instalacións municipais. O ámbito de actuación que contemplan os novos pregos é  maior que nos anteriores debido á creación por parte do Concello da Laracha de novas áreas verdes públicas nos últimos anos.

Os servizos que deberá prestar a empresa adxudicataria serán os necesarios para o continuo mantemento en perfecto estado botánico e ornamental destes espazos públicos, realizando traballos referidos á conservación do seus trazado, setos, xardineiras, perfilado do céspede, mantemento das instalacións de rego, sega, resembrado, escarificado, podas das árbores e arbustos, abonado, entrecavado, tratamentos fitosanitarios e aplicación de herbicidas.

A duración do contrato é de un ano con posibilidade de prórroga ata un máximo de tres anos. O servizo supón un gasto para o Concello da Laracha de 89.131,78 euros por cada unha das anualidades.

Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe tamén se acordou adxudicar a Construcciones López Cao S.L. a execución do proxecto de mellora da estrada no lugar de O Coto, na parroquia de Coiro. A intervención consiste na ampliación da plataforma da calzada e a mellora da superficie de rodadura dos vehículos nunha distancia lineal de 1.300 metros. Investiranse neste proxecto 29.000 euros.

Ademais, avanzouse no procedemento de expropiación dunha superficie de 393 metros cadrados de terreos situados na parcela lindeira ao depósito de auga de Cillobre, que abastece aos cascos urbanos da Laracha e de Caión e ao parque empresarial. Esta compra de terreos está contemplada no Plan especial do sistema xeral de infraestruturas de servizos (SXIS) de saneamento e abastecemento de auga. Fixouse o 7 de novembro ás 11:00 horas como a data na que se procederá ao levantamento das actas de ocupación e ao pagamento aos seus actuais propietarios.

Salientar, por último, a aprobación de dúas licencias urbanísticas –unha delas para a completa rehabilitación dunha antiga vivenda unifamiliar- e dun estudo de detalle promovidos por particulares.