• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O servizo de orientación laboral municipal ofrece información e asesoramento en materia de emprego

02/10/2018

A oficina de orientación laboral do Concello da Laracha volve estar a disposición da veciñanza no novo edificio administrativo (avenida Fisterra, número 60). O seu horario de atención ao público é de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas.

Este servizo municipal –complementario á Axencia de Emprego e Desenvolvemento Rural- é gratuíto para os usuarios  e préstase coa colaboración económica da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. A súa finalidade é ofrecer todo tipo de asesoramento e información a particulares en materia de orientación laboral, ao mesmo tempo que manterá un contacto directo coas empresas da zona na procura de atopar postos de traballo vacantes e que se axusten aos criterios de cada individuo.

As persoas que acudan á oficina de orientación laboral terán á súa disposición técnicos especializados nesa materia e nas diferentes técnicas de busca de emprego, no deseño de itinerarios personalizados de inserción, nas competencias clave para o emprego, na acreditación da experiencia para a obtención dos certificados de profesionalidade e, entre outras cuestións, no asesoramento para o autoemprego. Así, os usuarios –sexan persoas en situación de desemprego ou emprendedores- poderán mellorar as súas capacidades e aumentar as posibilidades de integración no mercado laboral.

O servizo de orientación laboral é unha iniciativa que impulsa o Concello da Laracha para actuar nunha liña prioritaria na axenda do goberno municipal como é a xeración de emprego.