• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

As brigadas medioambientais municipais acometen a limpeza e acondicionamento do entorno do río Anllóns

18/09/2018

O Concello da Laracha continúa desenvolvendo labores de limpeza e acondicionamento no entorno do río Anllóns, actuacións que están a ser executadas continuadamente nas últimas semanas polas brigadas medioambientais municipais. Os obxectivos fundamentais son poñer en valor estas áreas de especial riqueza natural e paisaxística da zona interior da Laracha.

Os labores que se están a realizar consisten, esencialmente, na eliminación da maleza nas inmediacións do río para facilitar o tránsito a pé e a limpeza integral do lixo e da materia vexetal.

As cuadrillas municipais xa acometeron estes traballos na marxe dereita do tramo do río de seis quilómetros de distancia que vai desde Os Muíños de Coiro e ata A Balsa (Vilaño). Neste último lugar mantiveron un encontro co alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, que se desprazaron para interesarse polos traballos desenvolvidos. A continuación os operarios seguirán ata Tuixe, xa no límite co termo municipal de Carballo. Por tanto, en total actuarase nunha lonxitude lineal duns once quilómetros ao paso do Anllóns polas parroquias de Coiro, Torás, Vilaño, Cabovilaño e Lemaio.

Os traballadores municipais que están a realizar estas actuacións no río Anllóns foron contratados polo Concello da Laracha no marco do programa de integracións laboral (PIL), que se desenvolve en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña. Por tanto, estase alcanzando o dobre obxectivo de levar a cabo proxectos de interese xeral para a veciñanza e, ao mesmo tempo, crear postos de traballo.

O patrimonio natural que conforman as concas dos ríos laracheses son lugares que destacan pola súa beleza paisaxística e biodiversidade e que en, moitos casos, son descoñecidos mesmo polas persoas residentes nas proximidades desas zona. Desde o Concello da Laracha animamos aos nosos veciños a descubrir estes entornos que ofrecen os ríos e que, coas actuacións municipais que se están levando a cabo nestes momentos, son de cómodo acceso a pé.