• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O concello mellora a sinalización turística nos núcleos urbanos e nas parroquias de referencia para os visitantes

13/11/2017

O Concello da Laracha completou as actuacións previstas no proxecto de mellora da sinalización turística levado a cabo coa colaboración económica da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia.

Nos últimos días foron colocados un total de dezaoito paneis de 1,4 metros x 1,4 metros de dimensións en localizacións estratéxicas tanto dos núcleos urbanos como de determinadas parroquias por tratarse de lugares de referencia turística no termo municipal. 

Ditos paneis están impresos polas dúas caras. Nunha delas pódese ver un mapa xeral do Concello da Laracha coa súa división por parroquias, estando situados os recursos turísticos máis relevantes e contando, ademais, cunha imaxe de cada un deles. Polo outro lado dos indicadores, nos instalados nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión hai un rueiro con todos os nomes das vías e no que están localizadas as principais instalacións públicas e os puntos turísticos de referencia. Nos das zonas rurais optouse por un mapa da correspondente parroquia incluíndo a ubicación de todos os seus núcleos de poboación e destacando os lugares que se recomenda visitar aos turistas por tratarse de elementos patrimoniais e espazos naturais de especial importancia.

Todos os paneis se instalaron en zonas de continuo tránsito peonil, en prazas e en parques públicos. A información que se ofrece nos indicadores considérase de utilidade para os turísticas, pero tamén para a veciñanza en xeral.