• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A 5ª xornada micolóxica “As setas da Laracha” celebrarase o 4 de novembro

18/10/2017

O Concello realizará a quinta edición das xornadas de iniciación á micoloxía As setas da Laracha o sábado 4 de novembro. Do mesmo xeito que en anteriores edicións, faise en colaboración cos expertos na materia Pablo Cuadrado e Raquel Poncini.

O evento principiará ás 10:30 horas coa concentración das persoas participantes na área recreativa de Gabenlle. A continuación realizarase unha saída guiada ao monte para proceder á recollida de cogomelos. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, levarase a cabo un obradoiro na Casa da Cultura sobre a identificación e clasificación dos diferentes tipos de setas que incluirá unha exposición, o que permitirá aos asistentes aprender a diferenciar as diversas clases dun xeito máis sinxelo e efectivo.

Ademais, ofrécese a posibilidade de disfrutar dun menú degustación a base de setas, que é opcional, por un prezo de 15 euros por persoa, 7 euros no caso de nenos de ata doce anos de idade.

O prazo de inscrición na 5ª xornada micolóxica As setas da Laracha xa está aberto. As persoas interesadas deben anotarse no Concello. A inscrición é gratuíta para todos os públicos (a excepción do xantar opcional). No caso dos nenos, deben ir necesariamente acompañados dun adulto. Os únicos requisitos para poder participar son utilizar unha vestimenta e calzado axeitado e dispoñer dunha navalla e un recipiente axeitado para a recollida das setas.