• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

A LARACHA ACOLLERÁ EN ABRIL UN CURSO BÁSICO DE MANIPULADOR DE PRODUTOS FITOSANITARIOS

05/04/2016

O Concello da Laracha acollerá no mes de abril un curso básico de manipulador de produtos fitosanitarios que impartirá a Consellería de Medio Rural. A iniciativa vai dirixida prioritariamente a propietarios de explotacións agrarias e gandeiras, solicitantes da PAC e tamén a vendedores ambulantes.   

O curso terá unha duración total de 25 horas e comezarán a impartirse o luns 11 de abril en horario de tarde nunha das aulas do edificio de servizos múltiples da Laracha, instalación municipal que será cedida polo Concello para o desenvolvemento da actividade.   

Todas as persoas que completen con éxito este curso recibirán o correspondente carné expedido pola Xunta de Galicia e que acreditará que o titular posúe os coñecementos axeitados para exercer a actividade. Precisamente a taxa de 8,83 euros pola expedición do carné será o único custe para os participantes, xa que o curso é gratuíto. As prazas son limitadas e as últimas dispoñibles aínda poden reservarse no Concello da Laracha, ben acudindo á Casa Consistorial ou chamando ao 981 605 001.   

Cabe lembrar que a mediados do pasado mes de marzo o Concello da Laracha acolleu tres charlas informativas –en A Laracha, Paiosaco e Montemaior- referentes ao emprego e aplicación de produtos fitosanitarios que impartiu un técnico especializado da Consellería de Medio Rural. Eses encontros foran dirixidos á veciñanza en xeral e explicárase polo miúdo tanto a normativa vixente como todo tipo de cuestións referentes aos diferentes tratamentos: insecticidas, herbicidas, funxicidas, etc.

Compartir: