Concello
O CONCELLO PORÁ EN MARCHA EN ABRIL, INCLUÍDA A SEMANA SANTA, UN PROGRAMA DE ACTIVIDADES NO MUSEO DE GOLMAR
31/03/2017
O Concello da Laracha desenvolverá ao longo de todo o mes de abril un amplo programa de actividades que se van desenvolver nas instalacións do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar e no seu entorno. Os obxectivos fundamentais son animar ao público en xeral a coñecer o museo e, tamén, facilitar a conciliación da vida persoal e laboral durante as vacacións de Semana Santa ás familias con nenos ao seu cargo.
O domingo día 9, e tamén nas fins de semana do 15-16 e 29-30 de abril, proponse participar no xogo de investigación en familia Descobre o misterio do Centro de Interpretación dos Muíños en horario de 11:00 a 13:30 horas.
O venres 14 de abril realizarase desde as 10:30 horas a iniciativa En busca do libro sacro dos muíños, consistente nunha xincana con diferentes probas que tamén se pode realizar en familia. Tanto esta actividade como a anterior están pensadas para nenos maiores de seis anos de idade.
Por outra banda, os obradoiros infantís van dirixidos a rapaces de entre 5 e 12 anos de idade, estando as prazas limitadas e requirindo a inscrición previa no Concello, que é gratuíta e xa se poderá formalizar a partir deste luns. En todos os casos desenvolveranse nas instalacións do museo de Golmar en horario de 10:30 a 13:30 horas.
Os obradoiros serán Primavera de paxaros (elaboración de casiñas para paxaros) o sábado 8, ¡E chegou a primavera! (obradoiro de sementeiros) o luns 10, Ovos de Pascua e coellos (decoración de ovos) o martes 11 e Pascua doce (obradoiro de panadería) o mércores 12.
Para o público en xeral, o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar permanecerá aberto –con entrada gratuíta- no seu horario habitual, de xoves a domingo, cos seguintes horarios:
- Xoves: de 11:00 a 14:00 horas.
- Venres e sábados: de 10:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:30 horas.
- Domingos: de 11:00 a 14:00 horas