• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O PROGRAMA MUNICIPAL DE ENTROIDO INCLÚE DIVERSAS ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS, ESPECIALMENTE PARA NENOS

18/02/2017

O Concello da Laracha presenta o programa municipal de actividades que organiza con motivo da celebración das Festas do Entroido e que se desenvolverá do 26 de febreiro ao 1 de marzo. As propostas van dirixidas a todos os públicos, sendo os nenos os principais protagonistas dos eventos do domingo, luns e mércores, e o público en xeral o encargado de amenizar o tradicional concurso de disfraces do martes de Entroido, data establecida como festivo local no Concello da Laracha.

Así, o domingo 26 de febreiro, tal e como é costume neste programa, celebrarase no pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís o evento coñecido como o Baile da piñata. A xornada, que comezará ás 18:00 horas, estará amenizada pola Orquestra Israel e, ademais dos inchables e dos xogos que se levarán a cabo durante toda a xornada, repartiranse larpeiradas a todos os rapaces que acudan disfrazados.

Aproveitando as xornadas festivas nos centros de ensino, o Concello da Laracha organizará obradoiros infantís no edificio de servizos múltiples da Laracha. O luns pola mañá a temática será a elaboración de accesorios de Entroido e o mércores, a realización de instrumentos musicais que se empregan nos desfiles durante estas datas.

En ambos casos haberá dúas quendas, sendo a primeira (de 10:30 a 11:30 horas) para nenos de educación infantil e, a segunda (de 12:00 a 13:30 horas) para alumnos de educación primaria. Para cada xornada hai vinte prazas dispoñibles, que se outorgarán por orde de inscrición, que é gratuíta, e pode formalizarse no Concello da Laracha a partir do luns.

Unha das propostas novidosas será a Festa Castrexa que se vai realizar a partir das 17:00 horas do luns no baixo da biblioteca municipal da Laracha. Vai dirixida ao público infantil e haberá música, obradoiros, xogos, etc.

O evento central do programa de Entroido será o tradicional concurso de disfraces, un certame dirixido a todos os públicos no que este ano se repartirán preto de 3.000 euros en premios. Será o Martes de Entroido (día 28 de febreiro).

As categorías de premios establecidas son as seguintes:

  • Individual infantil (ata 12 anos).
  • Individual adulto (a partir de 13 anos).
  • Parellas infantil (ata 12 anos).
  • Parellas adulto (a partir de13 anos).
  • Grupos (de 3 a 8 compoñentes).
  • Comparsas (máis de oito compoñentes).

En todas as categorías haberá tres premios. Nas individuais a contía será de 60, 50 e 40 euros. Nas parellas, 70, 60 e 50 euros. Os grupos optarán a 200, 150 e 100 euros.

Nas comparsas haberá dúas modalidades de premios diferentes, que serán a posta en escena e o deseño da vestimenta. En ambos casos a dotación económica ascenderá a 250, 200 e 150 euros. A mesma comparsa poderá obter premios nas dúas modalidades. Ademais, ata un máximo de dez comparsas non premiadas poderán acceder a un premio de 75 euros polo feito de participar, a excepción de que o xurado determine que non reúne as condicións mínimas de calidade.

As persoas, parellas, grupos e comparsas que desexen participar no Concurso de Disfraces do Martes de Entroido deben comunicalo previamente no Concello da Laracha, ben chamando ao 981 605 001 ata o 27 de febreiro ou ben presentándose o propio día do evento na Casa do Concello en horario de 16:00 a 17:00 horas.