• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello oferta aos laracheses maiores de 55 anos, xubilados ou pensionistas unha excursión pola provincia de León

08/03/2024

O Concello continúa apostando pola organización de actividades que favorezan o envellecemento activo dos laracheses maiores de 55 anos de idade, xubilados ou pensionistas. Desta volta proponse unha excursión de cinco días de duración pola provincia de León que se vai realizar despois da Semana Santa, do 8 ao 12 de abril.

Durante esas xornadas o aloxamento será nun hotel da propia capital provincial. Ademais de León, coñecerán as localidades de Astorga, Castrillo de los Polvazares, Ponferrada e Villafranca del Bierzo. Tamén desfrutarán dun percorrido en barco polos coñecidos como Fiordos Leoneses no pantano de Riaño e visitarán a Cova de Valporquero, así como museos e os puntos de interese máis destacados das citadas localidades.

A viaxe inclúe o aloxamento en réxime de pensión completa (almorzo, comida e cea) nun hotel de catro estrelas, visitas guiadas, entradas e seguro de viaxe. O Concello financiará integramente o custe do transporte en autobús.

O prezo por persoa en habitación dobre é de 440 euros, cun suplemento de 120 euros para os que escollan habitación individual.

As persoas que cumpran os requisitos e desexen realizar a excursión deben preinscribirse os días 11 e 12 de marzo (luns e martes da próxima semana) dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais no Edificio Administrativo da Laracha. Terán prioridade aquelas persoas que non participaran nas dúas últimas viaxes deste tipo organizadas polo Concello. De ser necesario, o sorteo público para outorgar as prazas dispoñibles faríase o xoves 14 de marzo ás 10:00 horas no Salón de Plenos do Concello.