• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia o procedemento de selección das sete persoas que formarán a cuadrilla municipal de obras e servizos

04/03/2024

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases que rexerán os procedementos de selección das sete persoas que serán contratadas por un período de cinco meses no marco do programa PEL-Concellos para crear unha cuadrilla de obras e servizos municipais.

En concreto incorporaranse catro peóns, un capataz e dous traballadores para servizos xerais co apoio económico da Deputación da Coruña.

Entre as súas funcións estarán a realización de traballos para a instalación de sinalización viaria, reparación de beirarrúas e sumidoiros, acondicionamento do terreo para a ubicación de colectores, mantemento de espazos públicos, conservación medioambiental, limpeza viaria e apoio loxístico aos servizos municipais, etc.

A convocatoria vai dirixida a persoas que se atopen en situación de desemprego, inscritas no Servizo Público de Emprego e que estean incluídas nalgunha situación de exclusión laboral.

A selección será polo sistema de concurso-oposición, valorándose a experiencia profesional e a formación de cada candidato, que ademais deberán realizar unha proba práctica.

Aquelas persoas que desexen formar parte do proceso selectivo deben presentar a súa instancia polos rexistros oficiais. O prazo para facelo é de cinco días hábiles a contar desde mañá.