Concello
O Concello inicia a campaña de trampeo de raíñas de avespa velutina
24/02/2024
O Concello xa ten en marcha a campaña anual de trampeo de avespa velutina, xa que esta é a época na que as raíñas fundadoras comezan a formar os niños e, por tanto, o momento no que debe realizarse un maior esforzo para evitar o xurdimento de novas colonias.
Unha empresa especializada no control de pragas colocou un centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en espazos verdes, parques e prazas de titularidade pública.
Ao mesmo tempo, o Concello fai un chamamento á colaboración e implicación da cidadanía nesta campaña. A partir do martes da semana que vén calquera veciño empadroado no termo municipal da Laracha poderá solicitar de balde no Concello atraínte co compromiso de contabilizar as raíñas capturadas e trasladar a información á empresa que vai realizar o seguimento para coñecer os puntos do concello nos que existe unha maior presenza de velutinas.
Así mesmo, lémbrase que no caso de detectarse un niño de avespa velutina é preciso chamar ao teléfono 012 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia para proceder á súa eliminación.