• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza dous obradoiros de poda e enxerto de árbores froiteiras

20/01/2024

O Concello volve organizar dous obradoiros de poda e enxerto de árbores froiteiras que se van realizar os sábados 17 e 24 de febreiro en horario de 10:00 a 13:00 horas nas instalacións de Viveiros Amado, situadas no lugar da Braña Grande (parroquia de Cabovilaño), a carón da estrada AC-552.

A inscrición é gratuíta, abrirase o luns e debe formalizarse ben acudindo ao Concello ou chamando ao 981605001. As prazas para cada unha das quendas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición. Os únicos requisitos para poder anotarse son estar empadroado no termo municipal da Laracha e ser maior de quince anos de idade.

Esta iniciativa, que se leva a cabo por terceiro ano, ponse en marcha para ofrecer á cidadanía a oportunidade de aprender a realizar os traballos de poda e enxerto precisamente na época do ano propia para levalos a cabo.

Campaña de poda

O Concello tamén vén de iniciar a campaña anual de poda nos espazos públicos de titularidade municipal coas fins de manter en bo estado de conservación as árbores e previr que se produzan danos por posibles caídas de materia vexetal.

Un dos puntos de intervención localízase fronte ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, no Igrexario de Golmar, na finca de titularidade municipal na que foron plantados máis de cen exemplares entre nogueiras e cerdeiras. As árbores serán obxecto dunha poda de formación para definir a súa estrutura e favorecer o crecemento.

Nese lugar o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, mantiveron un encontro co responsable de Viveiros Amado, a empresa que presta o servizo de conservación e mantemento das zonas verdes municipais.

Na próxima semana tamén se comezará a actuar nas árbores da Avenida Fisterra á altura das Torres de Cillobre. A continuación traballarase no recinto feiral de Paiosaco e nos parques públicos e espazos verdes de todo concello no que se requiran ditas intervencións.