• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello volve sacar a licitación a redacción do proxecto e a dirección de obra da rehabilitación da Casa Consistorial

01/01/2024

A Casa Consistorial da Laracha será obxecto dun proxecto de rehabilitación integral que modernice o edificio facéndoo máis operativo e eficiente no aspecto enerxético.

O Concello vén de sacar a licitación por segunda vez o contrato do servizo de redacción dos proxectos básicos e de execución e da dirección de obra para esta actuación despois de declararse deserto o primeiro procedemento. Desta volta a fecha límite para a presentación de ofertas é o 30 de xaneiro e o orzamento ascende a 98.859,92 euros.

Os pregos tamén establecen os catro fitos nos que se divide a vixencia do contrato, fixando en 30 días desde a formalición do mesmo os traballos previos, 60 días a entrega do proxecto básico, 160 días o proxecto de execución e, neste caso a contar desde a sinatura da acta de replanteo, 18 meses de dirección de obra durante a execución dos traballos.

Toda a documentación sobre esta licitación está dispoñible para a súa consulta na Plataforma de Contratación del Sector Público.

Cabe lembrar que o orzamento inicial previsto para a execución do proxecto de rehabilitación da Casa do Concello ascende a 1.250.000 euros, contándose para o seu cofinanciamento cunha achega de máis de 700.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública.

A Casa Consistorial da Laracha foi construída no ano 1974 e en 1989 foi obxecto da reforma coa que se aumentou o segundo andar e os espazos do baixo cuberta. Agora, medio século despois da inauguración, o edificio require dunha rehabilitación integral que adecúe as instalacións para unha máis óptima prestación de servizos á cidadanía. Ademais, aproveitarase a oportunidade para renovar a envolvente exterior, facendo o inmoble máis moderno visualmente, máis eficiente enerxeticamente e mellor integrado na Praza do Concello.

O Concello levou a cabo no pasado verán unha consulta pública na que participaron 114 persoas precisamente co propósito de implicar á cidadanía neste proxecto e recoller opinións e ideas para melloralo. As preguntas realizadas xiraron en torno a aspectos relacionados coa estética exterior do edificio, a mellora dos espazos circundantes e da accesibilidade, a conservación das zonas verdes, o aumento da eficiencia enerxética, a tipoloxía do material a empregar no proxecto construtivo e a nova posición dentro do edificio dos servizos de atención ao cidadán e do Rexistro Central.