• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

“Agasalla comercio local, ten premio”, nova iniciativa do Concello para dinamizar o sector

18/11/2023

O Concello pon en marcha unha nova campaña dirixida a dinamizar o sector do comercio local e a incentivar as vendas nos pequenos establecementos e servizos do termo municipal. Nesta ocasión farase mediante a entrega aos clientes de tarxetas rasca e gaña en todos os negocios e servizos adheridos á campaña Agasalla comercio local, ten premio, que ou terán premios directos para os consumidores ou lles ofrecerán a oportunidade de participar nun sorteo de regalos.

A próxima semana as bases de Agasalla comercio local, ten premio publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP), momento no que se abrirá o prazo para que se inscriban a través da web nadal.alaracha.gal todas as pequenas e medianas empresas e autónomos laracheses que o desexen dos sectores comercial, hostaleiro, cultural, educativo, taxistas, salóns de peiteado e outros tratamentos de beleza. Poderán facelo ata o 5 de decembro.

O Concello repartirá entre os adheridos un total de 10.000 tarxetas rasca e gaña, que deberán ser distribuídas entre os seus clientes por cada 10 euros de compra. 1.000 desas tarxetas terán un premio directo de 10 euros para empregar en calquera dos establecementos e servizos adheridos en compras mínimas de 20 euros entre os días 11 e 23 de decembro. Os vales non son acumulables e non poderán cambiarse por cartos en efectivo. Tampouco poderán destinarse á compra de bebidas alcohólicas, tabacos ou derivados, produtos farmacolóxicos que requiran prescrición médica ou xogos de azar.

As outras 9.000 tarxetas non premiadas terán unha segunda oportunidade. Depositándoas cos datos persoais nas urnas que estarán habilitadas nas tres bibliotecas municipais (A Laracha. Paiosaco e Caión) entrarán no sorteo de tres agasallos: un cofre regalo cunha experiencia turística, unha consola PlayStation 5 e un xamón ibérico.

O Concello investirá en Agasalla comercio local, ten premio máis de 11.000 euros co triplo obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia de facer as compras no comercio de proximidade como principal motor do desenvolvemento local e de creación de emprego no termo municipal, fidelizar á clientela por medios dos vales que revertan no consumo dos propios establecementos adheridos e subvencionar as compras dos cidadáns nas datas previas ás festas do Nadal.