• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organizará unha nova acción formativa para desempregados (AFD) centrada na atención a persoas dependentes en institucións sociais

28/09/2023

A Laracha volverá a acoller en próximas datas unha nova acción formativa dirixida a desempregados (AFD) centrada na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia vén de comunicar a concesión da subvención de 45.387,60 euros ao Concello para o financiamento desta iniciativa dirixida a impulsar o emprego estable e de calidade por medio do reforzamento da formación e especialización das persoas participantes para aumentar as súas competencias profesionais e mellorar os servizos de atención a dependentes.

O procedemento de selección do alumnado iniciarase nos próximos días. Desde o Concello, tendo en conta que unicamente son 15 as prazas que se ofertan, recoméndase a aquelas persoas interesadas na realización do curso que comproben á maior brevidade que están inscritas na súa oficina de emprego de referencia como desempregadas e demandantes de emprego, e que a súa demanda formativa inclúe a atención a persoas dependentes, así como comunicar no departamento municipal de Emprego (Edificio Administrativo da Laracha, 1ª andar) o interese polo curso.

O plan formativo constará dun total de 468 horas a impartir en 88 días lectivos -previsiblemente, de luns a venres en horario matutino-. Ademais da materia específica realizaranse dous módulos transversais: un sobre igualdade de xénero e outro relacionado coa formación para a igualdade, a inserción laboral e a sensibilización medioambiental.

Esta acción formativa desenvolverase nunha aula-taller do Edificio Administrativo da Laracha que foi homologada polo Concello para actividades destas características.