• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello suspende a rega nas zonas verde públicas e o servizo de duchas na praia de Caión

12/08/2023

Ante a activación por parte de Augas de Galicia da prealerta por escaseza de auga moderada no sistema de abastecemento do río Anllóns, e unha vez solicitado o informe á empresa concesionaria -Viaqua- da xestión do servizo de abastecemento para coñecer a realidade actual da zona de captación, o Concello da Laracha anuncia medidas preventivas coa fin de reducir os consumos.

Así, acordouse suspender desde hoxe a rega nas zonas verdes públicas e o servizo de duchas na praia de Caión, e reducirase ao mínimo imprescindible o emprego de auga na limpeza de rúas.

Do mesmo xeito, queda prohibida desde hoxe no termo municipal a limpeza de vehículos -coa excepción das empresas dedicadas a esta actividade- e o enchido total ou parcial das piscinas particulares.

O Concello fai un chamamento á cidadanía para un consumo responsable da auga, solicítando que tamén se tomen medidas de aforro de auga na vida cotiá. Neste sentido, nas redes sociais municipais compartirase un documento con consellos para un consumo responsable.