• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O obradoiro de emprego comeza as intervencións de posta en valor da carballeira de San Fins

20/07/2023

O obradoiro dual de emprego que está a pleno desenvolvemento na Laracha iniciou nesta semana unha nova fase de actuacións. O alumnado da especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, que ata o de agora centrara a fase práctica no Castro de Montes Claros, comezou a intervir na carballeira de San Fins.

Trátanse dos primeiros traballos de posta en valor deste espazo desde a súa recente adquisición por parte do Concello. Son realizados polos dez alumnos traballadores da citada especialidade do obradoiro -que están divididos en tres grupos- coa coordinación da Fundación Juana de Vega, redactora do proxecto de recuperación e xestión da carballeira. Estas actuacións iniciais consisten basicamente na apertura dos camiños interiores e na eliminación de vexetación invasora en determinadas zonas que así o requiren.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, visitaron a carballeira de San Fins para coñecer o resultado dos labores que se están a levar a cabo.

Deste xeito o Concello combina nestas intervencións dúas iniciativas diferentes impulsadas polo goberno local que se complementan entre si.

Por unha parte, o obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego VI que se desenvolve desde o pasado mes de outubro conxuntamente co Concello veciño e co apoio financeiro da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. O orzamento supera os 640.000 euros e a duración é de doce meses, período durante o cal os alumnos traballadores están vinculados aos Concellos con contratos de formación. Ademais de acceder a unha remuneración e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza, ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.

Por outro lado, o proxecto de xestión e posta en valor da carballeira de San Fins, promovido polo Concello para transformar este espazo de 2,2 hectáreas -nas que existen aproximadas 1.300 árbores- nunha área medioambiental de referencia cultural, pedagóxica e educativa para o coñecemento e interpretación da flora e a fauna autóctonas e redactado pola Fundación Juana de Vega.

Dentro das actuacións de conservación, mantemento e manexo da vexetación deseñadas pola Fundación Juana de Vega e que comezou a acometer o alumnado do obradoiro de emprego, están a limpeza sinxela e poda do arbolado que presenta ramas mortas, así como a eliminación da hedra naqueles exemplares que se atopan en peor estado e a xestión de vexetación exótica invasora. Como medidas de conservación da fauna, o trazado das rutas para visitantes que tamén se iniciou ten en consideración puntos clave e establecerá un camiño permanente e outro temporal a empregar exclusivamente na época fóra da cría. Esas zonas de tránsito respectan a diversidade biolóxica, minimizan ao máximo os novos usos e contemplan o establecemento de puntos de interese para a observación de fauna e flora singular que contarán con mobiliario elaborado en material natural, principalmente madeira.