Concello
A Bandeira Azul xa loce na praia de Caión
15/06/2023
Desde este mediodía na praia de Caión volve ondear a Bandeira Azul despois de que unha ampla representación do goberno local -encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela- realizase o primeiro izado xunto aos membros do equipo de salvamento e socorrismo.
O izado da Bandeira Azul significa a posta en marcha de todos os servizos e equipamentos que estarán operativos na praia de Caión durante a temporada de verán, que se prolongará ata o 15 de setembro. O equipo de salvamento e socorrismo contará con oito efectivos (sete socorristas máis o coordinador xeral) e terá a diario un horario de 12:00 a 20:00 h.
A Bandeira Azul é o distintivo que outorga a Fundación Europea de Educación Ambiental para recoñecer a calidade dos areais e das augas, así como o cumprimento dunha serie de normas relacionadas coa seguridade, respecto medioambiental, accesibilidade e servizos xerais, entre outras cuestións.
Tamén conserva o distintivo de Sendeiro Azul o Sendeiro de Saldoiro, o tramo do paseo marítimo que vai desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido, preto do límite co termo municipal de Carballo. A bandeira xa fora izada no pasado mes de febreiro.
Ademais, o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar repite distintivo de Centro Azul en recoñecemento ao labor de educación ambiental que se leva a cabo nesas instalacións.