Concello
Mañá abrirase o prazo para que os cidadáns soliciten os bonos do programa “Eu merco na Laracha”
09/05/2023
Mañá ás 9:30 horas abrirase o prazo para que calquera persoa empadroada no termo municipal da Laracha e maior de dezaoito anos de idade solicite a súa participación no programa Eu merco na Laracha que impulsa o Concello co propósito de dinamizar e reactivar a economía do pequeno comercio, a hostalería e o sector servizos do termo municipal.
A iniciativa consiste nunha campaña de bonos que se porán a disposición da cidadanía larachesa para empregar nos establecementos adheridos ao programa, subvencionando así as compras para fortalecer os negocios locais e fomentar o consumo de proximidade nos sectores comerciais, hostaleiro, cultural, educativo, salóns de peiteado e beleza, taxis, etc.
Para solicitar os bonos será preciso rexistrarse cubrindo en liña o formulario que estará dispoñible na web www.eumerconalaracha.alaracha.gal ou ben de forma presencial no edificio administrativo da Laracha.
O formato de presentación será unha chequeira por un valor de trinta euros que conterá tres bonos de dez euros. Cada un deles será independente e poderá empregarse para descontar por cada gasto de vinte euros nas compras, consumos ou servizos nos establecementos ou actividades adheridos (por vinte euros de gasto descontaríase un bono, por corenta euros, dous, e por sesenta euros, tres). Cabe lembrar que as empresas tamén teñen de prazo ata o 19 de maio para sumarse ao programa.
O Concello destina a esta iniciativa 40.000 euros para repartir un total de 1.333 chequeiras. No caso de que se rexistren máis solicitudes que bonos dispoñibles, para adxudicalos faríase un sorteo mediante un sistema electrónico de elección automática e aleatoria.