• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza unha excursión á Ribeira Sacra dirixida a persoas maiores, xubiladas e pensionistas

20/04/2023

O Concello organiza unha nova excursión dirixida a persoas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas do municipio. Neste caso o destino será a Ribeira Sacra e terá lugar o día 3 de maio. Trátase dunha proposta lúdica, recreativa e cultural que se marca como obxectivo optimizar o tempo de lecer deste colectivo, animalos a coñecer esa zona da xeografía galega e axudar a tecer relacións sociais entre os asistentes.

A saída do autobús será ás oito da mañá desde A Laracha. Ao longo da xornada farán unha ruta en barco polo río Miño, coñecerán o Mosteiro das Bernardas, o miradoiro Cabo do Mundo e Santo Estevo de Ribas de Miño, e realizarán unha visita guiada a unha bodega que inclúe degustación.

O prazo de inscrición estará aberto do luns ao mércores da próxima semana (24, 25 e 26 de abril) e debe formalizarse no edificio administrativo da Laracha. A cota que deberán aboar os participantes é de 20 euros, que inclúen o transporte, o xantar e todas as actividades que se desenvolverán ao longo da xornada.

No caso de que o número de persoas interesadas en participar superase as cen prazas dispoñibles, para outorgalas realizaríase un sorteo público o día 27 de abril ás 11:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.