• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha acollerá un curso de defensa persoal para a muller impartido polo club Amigos del Judo

19/04/2023

O Concello abre a inscrición no curso de defensa persoal para a muller que se realizará en catro sesións os sábados 6, 13, 20 e 27 de maio en horario de tarde (17:00 a 18:30 h) nas instalacións do baixo da biblioteca municipal. Será impartido polo club Amigos del Judo Laracha, contándose con instrutores titulados na materia pola Federación Galega de Judo e por persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado.

A defensa persoal é un instrumento de formación e aplicación física que comprende un conxunto de coñecementos, actitudes, habilidades e técnicas corporais dirixidas a prever, avaliar e actuar en consecuencia ante situacións de ameaza, conflito ou agresión. O curso que se desenvolverá na Laracha abarcará contidos relacionados con aspectos psicolóxicos, legais, estratéxicos e físicos. En definitiva, formarase ás participantes para que adquiran coñecementos, habilidades, técnicas e recursos físicos simples, útiles e prácticos para que nunha situación de risco saiban que facer e como facelo.

A iniciativa vai dirixida a mulleres maiores de quince anos de idade. A inscrición é gratuíta e debe formalizarse ata o 3 de maio no Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, situado no edificio administrativo, ou ben no teléfono 981612811.

Colaboran co Concello na financiación a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.