• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello e o I.I.S. Vendramin Corner de Venecia organizarán un novo programa de intercambio xuvenil

12/04/2023

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, vén de rubricar un acordo de cooperación co centro de formación profesional I.I.S. Vendramin Corner de Venecia coa finalidade de deseñar, crear e implementar un novo programa de intercambio xuvenil de similares características ao realizado no pasado verán nesa localidade italiana.

En virtude deste acordo, no próximo mes de xullo ofreceráselle a catorce mozos laracheses a posibilidade de desfrutar dunha estancia dunha semana en Venecia co obxectivo de que os participantes desenvolvan competencias, habilidades e destrezas vinculadas á empregabilidade, a solidariedade e a cidadanía activa por medio de metodoloxías de aprendizaxe non formal vinculadas ás áreas da cultura, coñecemento de idiomas, deporte, saúde, políticas de xuventude, medio ambiente, igualdade, arte, emprendemento e turismo activo, entre outras.

A segunda parte do programa será a viaxe á Laracha que realizarán unha cifra idéntica de mozos venecianos e que se levará a cabo no último trimestre deste ano.

En próximas datas, unha vez estea definido por completo o programa de actividades e as idades dos participantes, o Concello realizará unha campaña informativa e abrirá o prazo de preinscrición.

No pasado verán dez mozos laracheses participaron nun programa xuvenil organizado tamén en colaboración co I.I.S. Vendramin Corner de Venecia e outros sete viaxaran a Berlín nun programa de similares características. Estas iniciativas son resultado das relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co financiamento da Unión Europea.