• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

APROBADA POR UNANIMIDADE A MODIFICACIÓN DO PXOM QUE REQUIRE A AMPLIACIÓN DO CENTRO MÉDICO DA LARACHA

28/11/2016

A sesión ordinaria do Pleno da Corporación municipal da Laracha celebrada o 25 de novembro comezou coa lectura por parte do alcalde, José Manuel López Varela, dun manifesto asinado polos catro grupos políticos en conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A continuación gardouse un minuto de silencio polas vítimas desta lacra social. O rexedor municipal falou de datos “preocupantes e alarmantes” ao referirse ás corenta mulleres asasinadas neste ano en España polas súas parellas ou exparellas, e outras oito que se atopan actualmente en investigación.   

 

En canto aos puntos que compoñían a orde do día, acordouse por unanimidade a aprobación da modificación puntual número 5 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que ten por finalidade a ampliación do centro de saúde da Laracha ocupando o solar que actualmente alberga as antigas escolas de Santa Lucía. Este trámite urbanístico é necesario para elaborar unha ordenación especial que abranga as dúas parcelas dotacionais -que conxuntamente superan os mil metros cadrados de superficie-, establecendo as condicións precisas para acomodar a obra prevista, fixando ademais os condicionantes necesarios na procura dunha boa integración no contexto urbano. Para culminar o procedemento administrativo, tralo acordo plenario este expediente someterase a información pública durante dous meses, período no que serán solicitados os preceptivos informes sectoriais das administracións autonómica e estatal. López Varela lembrou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) financiará integramente o proxecto e que o compromiso do Concello é ceder a parcela libre de cargas e dotada con todos os servizos necesarios.   

 

Por outra banda foi aprobado cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e do PSOE, e as abstencións do BNG e do grupo mixto (TeGa), a proposta de alteración da cualificación xurídica dunha parcela de titularidade municipal de ben de dominio público a ben patrimonial. Trátase dunha finca de 450 metros cadrados de superficie situada no lugar de As Talladas (parroquia de Golmar), sobrante da concentración parcelaria e que, tanto polo seu emprazamento como pola súa forma irregular, está carente de explotación ou destino ao non ser susceptible dun uso axeitado. O cambio de alteración xurídica permitirá a posterior enaxenación desta parcela. O alcalde explicou á Corporación que foi o veciño propietario da finca colidante quen se dirixiu ao Concello coa intención de comprar a parcela municipal, e que por ese motivo se iniciou a tramitación, aínda que calquera persoa poderá presentar a súa oferta no momento da enaxenación do ben. “Non é intención deste goberno local desprenderse de patrimonio, pero este é un caso especial porque a finca non fai servizo ao Concello, pero si pode facerllo a un particular”, sentenciou López Varela.   

 

Por último, salientar que foi acordada por unanimidade a creación dun grupo de traballo, no que estarán representados todos os grupos da Corporación municipal, co obxectivo de consensuar a organización das mesas electorais, centrándose especialmente na cuestión da parroquia de Soutullo, á que nos últimos comicios se decidiu incorporar a veciños de varios núcleos da parroquia de Golmar para alcanzar o número mínimo de douscentos electores necesarios para poder constituíla.  

Descargas

 

Declaración Institucional 25 Novembro 2016

Compartir: