• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Programa Harmoniza facilitará a conciliación durante as festas do Entroido

09/02/2023

O Concello abre a inscrición para o servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestarán a través do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha durante as festas de Entroido. O prazo para solicitar a praza remata o mércores da semana que vén, día 15 de febreiro. As persoas interesadas poden tramitar a inscrición ben a través da sede electrónica ou ben acudindo ao Centro de Información das Mulleres (edificio administrativo da Laracha).

O servizo, que vai dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, estará en funcionamento o luns 20 e o mércores 22 de febreiro (o Martes de Entroido é festivo local na Laracha) entre as 7:00 e as 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo.

Ofrécense dúas modalidades de solicitude para acceder ao servizo de acordo ás necesidades de conciliación de cada usuario, podendo escoller entre utilizalo en horario completo ou reducido e coa opción de almorzo. Os servizos básicos incluídos para calquera modalidade de inscrición son a acollida, coidado, vixilancia e realización de actividades educativas e lúdicas con profesionais especializados

Servizo de Canguros

Ademais, cabe lembrar que no marco do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha o Concello tamén oferta o servizo gratuíto de Canguros dirixido a familias con nenas e nenos desde os catro meses e ata os doce anos de idade que contempla a prestación de coidados básicos e atención nos domicilios, así como o acompañamento de menores fóra da vivenda.

Cada unidade familiar beneficiaria dispón dun máximo de corenta horas anuais para cubrir necesidades puntuais -non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo- de conciliación obxectivamente demostradas por razóns laborais ou sociofamiliares.

As familias interesadas poden solicitar o servizo no Concello. Para o outorgamento das prazas, persoal técnico municipal realizará as oportunas entrevistas para avaliar a situación e as necesidades de conciliación de cada solicitante.