• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A oficina municipal de atención ao consumidor atendeu máis de 1.500 consultas no ano 2022

06/02/2023

Máis de 1.500 persoas contactaron ao longo de 2022 coa oficina municipal de información ao consumidor (OMIC) da Laracha. Ese é o balance que deixa o informe anual deste servizo que se presta no Concello coa finalidade, primeiro, de asesorar sobre os dereitos dos consumidores e, de ser o caso, acompañalos durante todo o proceso da reclamación, desde a preparación da documentación ata o rexistro da mesma.

A maior parte das consultas, máis de 1.200 durante o ano pasado, foron por vía telefónica e realizadas por veciños da Laracha e tamén doutros municipios de Bergantiños e da Costa da Morte. Tamén se prestou atención presencial a outras 300 persoas.

No rexistro do Concello presentáronse un total de 250 expedientes de reclamacións ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que ese organismo, dependente da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, decidise se se someterían a mediación previa, a arbitraxe de consumo ou serían resoltas mediante outro tipo de vía administrativa. Foron relacionadas, principalmente, coas facturas do subministro eléctrico e de telefonía, talleres de reparación de automóbiles, compras por internet  e paquetes de viaxes.

A OMIC da Laracha está a disposición da cidadanía na Casa do Concello, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.